Saltar al contenido →

A nova estratexia para combater a Covid-19 na Universidade pasa por aplicarlle medidas de verificación e aseguramento da calidade

Vigo, 23 de abril de 2020.

A pandemia Covid-19 está a afectar á docencia universitaria dun xeito dramático, vivíndose situacións inéditas que afectan tanto ao profesorado como ao alumnado e ao persoal de administración e servizos. Mesmo hai xa voces autorizadas que prevén un futuro no eido universitario que nada ten que ver, nas súas formas e nos seus modos, coa historia que nos tocou vivir até o momento.

Neste contexto, a universidade, sempre na punta de lanza do coñecemento humano, dá pasos decididos para adaptarse ao novo escenario. Empoderada cos coñecementos e experiencia adquirida por máis dunha década de iniciativas dirixidas a documentar todos os seus procesos, perseguindo sempre o incremento da súa calidade, e enriquecida polas sinerxías que elo conleva, a Universidade decidiu atacar ao SARS-CoV-2 onde máis lle doe, e golpear un dos seus puntos máis sensibles: a súa falta de planificación e o seu total deixamento no que respecta á trazabilidade das súas accións.

Por iso, o primeiro que farán os campus nun proceso gradual de desescalado será solicitarlle ao virus unha actualización do seu plan de contaxio, indicando especificamente como se vai a desenvolver a súa actividade a partir da data de reanudación dos fluxos académicos. Esta Memoria de Avaliación e Verificación da Actividade Docente Afectada pola Reclusión (MEVADAR) deberá complementarse cunha táboa recollendo a súa metodoloxía de contaxio antes e despois do desescalado, así como cunha relación de indicadores obxectivos que permitan realizar un seguimento axeitado do cumprimento dos termos da devandita Memoria. Finalmente, a MEVADAR deberá ser entregada polo virus para a súa aprobación na Comisión de Saúde Universitaria antes do 30 de abril. Ademais, lembraráselle que aínda non foran depositados para a súa revisión (por rexistro telemático) os indicadores de contaxio das últimas catro semanas referidas ao eido universitario, e que de non facelo o máis axiña posible podería resultar comprometida a súa avaliación epidémica do próximo quinquenio.

Espérase que con estas medidas o virus pensarallo dúas veces antes de atacar a unha universidade en futuras ocasións.

Publicado en UVigo Today

Comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *