«Imos deixarnos xa de bobadas», apunta o reitor compostelán.
Unha coñecida universidade privada implantará na capital ourensá Enxeñaría de Vehículos Aéreos e Ciencias das Viaxes Lúdicas.
Ourense 11/12/2019. Dado o éxito das últimas iniciativas para levar a outras cidades de Galicia réplicas da oferta académica da cidade das Burgas, a Universidade de Santiago de Compostela decidiu aproveitar a conxuntura favorable á expansión do seu catálogo de títulos para compensar o manifesto desequilibrio xeográfico da súa oferta actual. «Temos unha presenza alarmantemente nula no sudeste do noso espazo vital natural», manifestou o reitor da institución compostelá, insistindo en que «a Terra de Lemos pertence á provincia de Lugo, e non poden seguir sendo a gran esquecida na construción do Sistema Universitario de Galicia».
A Universidade de Santiago de Compostela despregará durante os próximos anos a meirande parte das titulacións que se imparten na actualidade no Campus de Ourense. Para evitar situacións conflitivas, a universidade compostelá garantirá que as novas titulacións ofreceranse de maneira compartida coa Universidade de Vigo, e ademais dita universidade exercerá de institución coordinadora en todos os casos. «Ao igual que en experiencias anteriores, trátase de algo perfectamente aceptable pola institución viguesa», asegurou a Consellería de Educación. «Ademais, non pretendemos promover insistentemente a duplicación de Relacións Internacionais, unha titulación estrela do campus das Lagoas. Esa pódenlla quedar enterita», engadiu o Secretario Xeral.
Por outra banda, unha coñecida institución privada que xa colabora coa Universidade de Vigo na implantación de máquinas expendedoras de docencia, a Primary Universities Federated Organisation (PUFO), propuxo ás autoridades educativas galegas a implantación de novas titulacións en Ourense, garantindo a orixinalidade das mesmas e a non duplicación da oferta académica. En concreto, propoñen completar o catálogo existente con titulacións pioneiras en Enxeñaría de Vehículos Aéreos e en Ciencias das Viaxes Lúdicas nunha primeira fase, deixando para unha segunda intervención titulacións adicionais en Ciencias da Ecoloxía e a Comida e Formación dos Nenos e Nenas.
As autoridades académicas ourensás prefiren non facer declaracións sobre estas dúas iniciativas. Ante a insistencia dos medios de comunicación locais, simplemente apuntaron que «o mundo é fermoso, e non hai moito máis que dicir. Alquien quere unha torrada con manteiga?»
Comentarios