Saltar al contenido →

A universidade galega como promotora dun novo modelo de relación coa emigración e cos mercados asiáticos

(Publicado en ¿Menos acción exterior para internacionalizarse máis? Informe anual sobre a acción exterior de Galicia, pp. 40-42, IGADI, 2011, versión en PDF)

Ademáis do indubidable papel que teñen as universidades galegas en canto á incorporación de Galicia ao mercado internacional do I+D+i e da educación, as nosas institucións de educación superior poden ter unha función determinante no desenvolvemento de dúas estratexias novedosas en canto a acción exterior de Galicia, como son a redefinición da nosa relacións coa emigración e a construción duha oferta diferenciada cara os mercados emerxentes en Asia.

Un novo enfoque nas relacións coa comunidade galega no exterior

Tradicionalmente, a relación coa comunidade galega no exterior, e fundamentalmente con América Latina, ven caracterizada por actuacións no eido asistencial, social e cultural. Enténdese que se trata dunha poboación envellecida que necesita do noso apoio para garantir unhas prestacións e uns servizos de acordo cos estándares europeos, e que moitas veces son difíciles de acadar nos seus países de residencia. Vencelladas a esta mesma idea, atopamos outras actuacións como os programas de visitas a Galicia, as bolsas de estudos para fillos e netos de emigrantes, ou o financiamento de actividades desenvolvidas polas organizacións de emigrantes galegos no exterior.

A comunidade galega, desde institucións como a Xunta de Galicia, as universidades que conforman o Sistema Universitario de Galicia, ou o seu tecido empresarial, ten a oportunidade de actuar nun segmento da comunidade galega no exterior cun alto potencial de futuro: os galegos de terceira xeración. Trátase de xente nova, cidadáns totalmente integrados nos seus países de acollida, cun vínculo relativamente feble con Galicia. Son persoas que sen embargo teñen unha avantaxe comparativa en relación co resto dos cidadáns dos seus países: teñen recoñecida a cidadanía galega, e polo tanto o acceso á Unión Europea nas mesmas condicións que o resto dos cidadáns europeos.

Para este colectivo son necesarias accións que van moito máis aló das liñas que tradicionalmente se veñen desenvolvendo, e mesmo máis aló das recollidas nas prioridades de actuación da Acción Exterior de Galicia, centradas na política asistencial, na integración nos centros galegos no exterior dos galegos afastados deles, na conversión dos centros en lugares de referencia para os novos emigrantes, ou na apertura destes ás sociedades de acollida. Agora, ademáis dos emigrantes e os novos emigrantes, o obxectivo serían os cidadáns dos países de acollida de ascendencia galega.

Porén, as Universidades galegas poden xogar un papel importante cara a aproveitar este potencial pola vía de construír e consolidar un sentimento de galegidade que trascenda o do contacto directo co lugar de orixe dos seus ancestros. Para elo, na Universidad de Vigo estamos a traballar na creación dunha rede de universitarios galegos no exterior, tentando de integrar aos estudantes universitarios de ascendencia galega en calquera parte do mundo. Esta rede permitirá ademáis reforzar os vínculos da nosa universidade coas súas universidades de orixe. Do mesmo xeito, estamos a buscar as mellores canles para facer chegar a oferta formativa integral da Universidade de Vigo ás comunidades galegas no exterior, con material especialmente dirixido a ese perfil poboacional, nomeadamente cidadáns que poden beneficiarse do feito de teren recoñecido o acceso á Unión Europea polo feito de teren ascendencia galega.

En paralelo con estas accións para promover o sentimento de comunidade e para difundir a nosa oferta, estanse a promover programas de recoñecemento de estudos e de dobles titulacions con universidades latinoamericanas de referencia, poñendo especial atención nas rexións onde a comunidade galega ten un maior peso. En todo caso, esta acción debería ir acompañada cun incremento da dotación e da difusión dos programas de bolsas para a realización de estudos, facendo especial fincapé nos programas de mestrado das universidades galegas. Nesta liña, a universidade espera seguir tendo o apoio de institucións públicas e privadas como a Xunta de Galicia, o Banco de Santander ou Bancaja, coas súas liña de bolsas para estudantes iberoamericanos.  Mesmo esperamos que, aínda nun contexto económico como o actual, pódanse ampliar estes apoios para cubrir, por exemplo, os custos de matrícula de todos os fillos e netos de galegos que desexen cursar programas de posgrao non presencial, xa que garantir a vinculación con Galicia destes sectores de poboación a través da súa formación superior é claramente un investimento de futuro.

Galicia como ponte entre Asia e América latina

A crecente internacionalización das actividades dos países emerxentes de Asia (e.g. China, Corea, Singapur, Malasia, …) diríxese en gran medida a países cun alto potencial futuro de desenvolvemento, e en particular aos paises en vías de desenvolvemento en América Latina (Cuba, Venezuela, Colombia, Perú, Ecuador,…). A posición privilexiada de Galicia como cabeza de ponte con América permitiríanos situarnos como un centro de referencia para a formación dos futuros profesionais e empresas asiáticos que desenvolverán as súas actividades en América Latina.

As Universidades galegas deben ter un papel determinante na consecución deste obxectivo. O campus de excelencia internacional Campus do Mar, unha iniciativa coordinada pola Universidade de Vigo na que participan o resto das universidades do sistema galego e as universidades do norte de Portugal xunto con organismos de refererencia no eido das investigacións mariñas, é un instrumento fundamental para obter visibilidade internacional e converternos nun polo de atracción de referencia.

Por outra banda, o papel do Campus do Mar pódese reforzar cunha oferta coordinada e diferenciada de estudos universitarios de posgrao orientados ao desenvolvemento, impartidos en lingua inglesa e dirixidos a estudantes asiáticos que esperan desenvolver a súa carreira profesional en América Latina. No eido institucional, o noso obxectivo é traballar nun plan de recoñecemento de estudos entre a Universidade de Vigo e as universidades latinoamericanas, baseados nas competencias a desenvolver, que permita a Galicia converterse no lugar de contacto entre os estudantes e profesionais latinoamericanos e asiáticos.

Estas iniciativas complementaríanse cunha oferta de cursos de español e portugués orientados a disciplinas técnicas concretas, como a automoción ou a pesca no caso da Universidade de Vigo, e cunha presencia contínua e coordinada das tres universidades galegas e doutros organismos e institucións como o Instituto Galego de Promoción Económica nos foros de promoción universitaria que se desenvolvan neses países asiáticos.

(Publicado en ¿Menos acción exterior para internacionalizarse máis? Informe anual sobre a acción exterior de Galicia, pp. 40-42, IGADI, 2011. Versión en PDF)

Publicado en Relaciones Internacionales

Comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *