A nova normalidade semipresencial paidologocéntrica trae consigo a obsolescencia absoluta das categorías actuais.
O profesorado titular e catedrático de universidade disporá de dous anos para pedir a súa transformación, mentres que o resto do profesorado poderá facelo a partir dunha data por determinar.
As Universidades galegas veñen de constatar que as figuras de profesorado universitario actuais non se adaptan ben ao modelo semipresencial que se comezará a implantar de maneira definitiva o próximo curso académico. Trátase de figuras asociadas a un modelo de docencia obsoleto, no cal o estudiantado interaccionaba co profesorado nas aulas e laboratorios das escolas e facultades universitarias. Categorías como «catedrático ou catedrática» (palabra derivada de «cadeira»), ou «titular» (palabra derivada dunha palabra de orixe latina que significa «anaco de papel apergaminado, con cenefas e arabescos, difícil de dobrar»), non reflicten en absoluto as aspiracións de futuro da educación superior en Galicia.
Así, as novas figuras propostas serían as seguintes:
- Axudante FAQ. Sería a figura de entrada no mundo da docencia universitaria. A súa función principal sería a de facer unboxings de equipamento docente para o resto do profesorado, contestar as preguntas frecuentes (FAQ) do estudiantado, e darlle ao like aos vídeos en YouTube dos e das estudantes máis avantaxados.
- Axudante Tutorial Doutor/a. Unha vez que o ou a axudante FAQ lese a súa tese de doutoramento, poderán promocionar a esta figura, sempre que acumulen máis de 10000 corazonciños nos seus posts en Instagram. A Tese de Doutoramento poderá defenderse por compendio de vídeos viralizados, o cal supón un incentivo adicional para o desenvolvemento de material docente. O ou a ATD poderá publicar podcasts con capítulos de até 3 minutos, e vídeos de presentacións de até 20 diapositivas.
- Profesor/a Novice. Pódese promocionar a esta figura no momento que se acrediten 100 recomendacións positivas en LinekdIn e a publicación de polo menos 100 pines que acumulen conxuntamente polo menos 5000 votos en Pinterest, en coñecementos e habilidades relacionadas coa docencia universitaria. Ademais das habilitacións do ATD, o ou a PN poderá publicar podcasts sen límite de duración e editar en vídeo presentacións de calquera tamaño. Tamén estará habilitado/a para brandear a súa actividade, o cal lle pode reportar ingresos adicionais.
- Profesor/a Influencer. Trátase da máis alta figura da docencia universitaria. Para acceder a ela, necesítase ser trending topic en Twitter en polo menos tres ocasións durante polo menos 16 horas cada vez ao longo dun período de cinco anos. Ademais de liberdade absoluta para publicar online, o Profesor ou Profesora Influencer poderá organizar webminars e eventos de live streaming con recoñecemento oficial.
Comentarios