Despóis de case tres anos sen materializarse a promesa de contemplar un importe en bolsas equivalente ao pago que en concepto de IBI realiza a institución académica, o Concello explora unha nova estratexia baseada no lucerío.
Vigo 28/09/2019 – En marzo de 2017, o Alcalde socialiasta da única cidade galega que non bonifica o IBI a unha universidade pública chegou a un acordo coa Universidade de Vigo para outorgar bolsas ao seu alumnado, que compensarían os aproximadamente 600.000 euros que anualmente debe abonar a institución académica en concepto de Imposto de Bens Inmobles á administración municipal.
Aínda que esta solución ratificouse en decembro de 2018, ambas institucións non atoparan nin a fórmula nin o momento para materializar este acordo. Para desatrancar definitivamente esta iniciativa, o Alcalde vigués ven de facer unha proposta pioneira e proactivamente novedosa: retornar cada euro do imposto en forma de led. Deste xeito, a Universidade de Vigo convertirase na envexa das Universidades de Nova Iorque, París e Tokio, e alumeará a súa contorna non só co coñecemento que atesoura, senon tamén cunha morea sorprendente de megavatios lumínicos en todo o espectro visible.
Os varios millóns de leds distribuiranse polas distintas dependencias universitarias, comezando pola nova sede do Berbés, que deste xeito superará a súa actual crise de utilidade para converterse na luminaria máis importante do centro urbán, en primeira liña de mar e en pleno Casco Vello, superando incluso á Estrela da Morte de Urzaiz.
O Campus de Marcosende non quedará atrás, e mesmo a vía lumínica comezará xa na Praza de España de donde sairá un pavimentado multicolor composto de leds de última xeneración que chegará ata a cidade universitaria. Mesmo está previsto que o rexidor Vigués inaugure o proxecto xunto co Reitor nunha carreira en bicicleta dende a Avenida de Madrid ata a Avenida Maxwell. Ambos mandatarios sairán no momento do encendido das luces de Nadal e irán acendendo as luminarias ó seu paso ata chegar a nova Estrela da Morte luminosa de Marcosende, situada na rotonda de acceso ó campus vindo de Puxeiros.
Con este proxecto espérase que a cidade universitaria se convirta nun foco incriblemente atractivo para o estudantado de outras partes do estado e mesmo do mundo, que visitarían a institución académica viguesa soamente polo atractivo dos millóns de leds.
Comentarios